- SEGUNDA CONVOCATORIA DESTE CERTAME ORGANIZADO POLA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA SERÁ DO 28 AO 30 DE NOVEMBRO
- OS ASISTENTES MOSTRÁRONSE SATISFEITOS COS RESULTADOS DO SALÓN O PASADO MES DE NOVEMBRO E MANIFESTARON O SEU APOIO A ESTA NOVA CITA
Silleda, 13 de febreiro de 2023.- A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, continúa traballando para a súa segunda edición, a cal terá lugar do 28 ao 30 de novembro deste ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Así, co obxectivo de avanzar na súa organización, a entidade feiral mantivo hoxe unha reunión telemática co ámbito asociativo vinculado cos sectores implicados no certame.
No seu transcurso avaliáronse os resultados da prima convocatoria, a cal contou con 285 firmas representas por 90 expositores directos e recibiu a preto de 3.000 visitantes, e sobre a que os asistentes á reunión se mostraron satisfeitos. Así mesmo, analizáronse diversos aspectos desta nova edición co obxectivo de seguir mellorando e converter a feira nun efectivo punto de encontro para empresas, entidades e profesionais.
Apoio ao certame
O encontro contou coa participación de destacadas asociacións e colectivos, os cales estiveron acompañados polo xefe do Servizo de Emerxencias de Pontevedra da Xunta de Galicia, Miguel Ángel Pérez Dubois, ademais dun equipo da Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Todos eles manifestaron o seu apoio a Sedexpo e mostráronse dispostos a colaborar activamente nesta nova cita. Así o fixeron os representantes da Asociación de Directores de Seguridade Integral (ADSI), a Alianza Española de Seguridade e Crise (AESYC), a Asociación Internacional de Membros e Corpos de Seguridade e Emerxencias (AIMCSE), a Asociación de Directores de Seguridade (ADISPO), a Asociación Nacional de Profesores Acreditados de Seguridade Privada (ANPASP), a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB), a Asociación Española de Compañías Privadas de Seguridade (ASECOPS), a asociación internacional de seguridade ASIS España, o Clúster da Industria de Defensa, a Federación Española de Empresas de Seguridade (FES) e a Plataforma Española de Seguridade Integral (PESI).









