Sedexpo volverá dar protagonismo aos sectores de seguridade, defensa e emerxencias do 7 ao 9 de abril de 2027

  • SERÁ A CUARTA EDICIÓN DESTE CERTAME ORGANIZADO POLA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • A ENTIDADE FEIRAL CELEBROU HOXE UNHA REUNIÓN CO SEU COMITÉ ORGANIZADOR PARA FIXAR AS DATAS E COMEZAR A ORGANIZAR ESTA NOVA CONVOCATORIA

Silleda, 12 de febreiro de 2026.- A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, celebrará a súa cuarta edición do 7 ao 9 de abril do vindeiro ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA, Silleda (Pontevedra).

Así se decidiu hoxe nunha reunión do seu Comité Organizador na que, ademais de establecer as datas, analizáronse os resultados da pasada convocatoria, na que destacou o seu crecemento en expositores directos e superficie, cun 19% e un 11% máis respectivamente, e tamén a maior calidade no perfil do visitante pola súa capacidade de decisión.

Así mesmo, abordáronse aspectos organizativos desta cita de 2027 para seguir mellorando e ofrecer aos expositores e visitantes un espazo de referencia. A promoción do evento ou a estruturación do programa de xornadas técnicas foron algúns deles.

Compromiso coa feira

A este encontro mantido no recinto feiral acudiu unha ducia de representantes de empresas e colectivos con gran peso no sector, como a Asociación de Empresas de Expertos de Seguridade de Galicia (AESGA), Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG), Unión Sindical Obreira USO, Incipresa, Sabico, Peycar, Aeromedia, GSI e Technical Uniforms. Asistentes que mostraron o seu compromiso coa feira e incidiron na importancia de seguir traballando para contar cun público cualificado e determinante no proceso de compra.

Estes estiveron acompañados do xerente da Axencia Galega de Emerxencias da Xunta de Galicia, Marcos Araújo, e a directora xeral de Estratexia Industrial e Solo Empresarial da Consellería de Economía e Industria, Margarita Ardado. O apoio á feira tamén quedou patente nas súas intervencións, nas que ademais destacaron a importancia de traballar xuntos dende o Comité para seguir facendo a feira máis atractiva e con maior xeración de negocio.