O Ministerio de Defensa apoia o certame SEDEXPO

  • A I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS TERÁ LUGAR DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO DESTE ANO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA).

O director xeral da Fundación Semana Verde de Galicia e a Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, acompañado polo reitor de SEDEXPO, Luis Martínez Gavilán, mantiveron contactos co Ministerio de Defensa, que confirmou o seu apoio á I Feira de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO), a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

SEDEXPO é un evento que está en liña coas iniciativas institucionais do Ministerio para fomentar a conciencia de defensa nacional e Cultura de Defensa, ademais de ser unha ferramenta para a proxección da nosa industria de defensa.

SEDEXPO dispón dun equipo con gran experiencia na organización de eventos. Así mesmo, conta co asesoramento de profesionais en seguridade, defensa e emerxencias, co respaldo da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia e a Axencia de Emerxencias de Galicia (AXEGA) e tamén co interese confirmado do mundo empresarial, con firmas nacionais e internacionais líderes no sector.

Un magnífico foro

SEDEXPO será un punto de encontro no que organismos públicos, institucións, empresas e profesionais poderán explorar oportunidades de colaboración, establecer alianzas, intercambiar experiencias, xerar negocio e comprobar todas as novidades de tres ámbitos dinámicos e claves no desenvolvemento do benestar e a protección social.

Porá en valor unha industria referente e vital para a economía e a sociedade, cuxo carácter estratéxico xera, ao mesmo tempo, un importante retorno en forma de riqueza, fomento do emprego cualificado e innovación tecnolóxica.
Ademais, fomentar a cultura de seguridade e defensa no cidadán, achegar ao público o mundo das emerxencias e facelo partícipe da súa necesaria implicación, serán puntos estratéxicos sobre os que tamén xirará o certame.

Un recinto con grande versatilidade

SEDEXPO celebrarase nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda, un recinto de 400.000 metros cadrados de superficie, con múltiples pavillóns, 55.000 metros cadrados de espazos exteriores para demostracións dinámicas, un lago artificial, un heliporto, ring con gradas cubertas e auditorio para 624 persoas.
Trátase dun espazo inmellorable para que institucións públicas e privadas, empresas, universidades e profesionais mostren as súas novidades e para que futuros investidores coñezan a nosa industria de Seguridade, Defensa e Emerxencias, situando como referencia os nosos produtos e áreas de coñecemento.