A I Feira de Seguridade, Defensa e Emerxencias, Sedexpo 2022, mostra as súas fortalezas en Sicur

  • DENDE HOXE ATA O VINDEIRO VENRES CONTA CUN STAND NESTE SALÓN INTERNACIONAL DE SEGURIDADE
  • O CERTAME GALEGO CELEBRARASE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO

A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO) segue promocionando a súa primeira edición, a cal se celebrará do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Así, dende hoxe e ata o vindeiro venres está presente na área expositiva do Salón Internacional de Seguridade (Sicur), o cal se desenvolve no recinto feiral Ifema, en Madrid.

No seu stand un equipo de Sedexpo informa os visitantes de todos os detalles desta cita, que conta co respaldo da Vicepresidencia Primeira da Xunta de Galicia e a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Esta axencia, encargada do estudo e a execución autonómica en materia de protección civil e xestión de emerxencias, está tamén presente neste espazo expositivo apoiando á feira e dando a coñecer tanto o seu labor como algúns dos innovadores equipos que utiliza nas súas intervencións.

Negocio, innovación e coñecemento

Sedexpo 2022, en cuxa área expositiva xa confirmaron a súa presenza empresas líderes no sector, acode a este certame co obxectivo de seguir sumando apoios e crear un gran escaparate da industria de seguridade, defensa e emerxencias, a cal mostrará as últimas innovacións e os proxectos máis punteiros. Un marco estratéxico ao que se engadirá un completo programa de actividades con xornadas técnicas de primeiro nivel, exhibicións, simulacros, talleres formativos ou entrega de distincións.

Será así un foro idóneo para a interacción e o negocio que incidirá na xeración de oportunidades, a achega de solucións aos retos actuais e o desenvolvemento en investigación. E para iso contará coa mellor localización posible, a Feira Internacional de Galicia ABANCA, un recinto con gran versatilidade que ofrece unha gran diversidade de espazos para todo tipo de actividades, tamén demostracións dinámicas.