A Asociación Española de Compañías Privadas de Seguridade incorpórase ao Comité Organizador de SEDEXPO 2022

  • AMBAS ENTIDADES FIRMARON UN ACORDO NO MARCO DO SALÓN INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, SICUR
  • A I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO

A Asociación Española de Compañías Privadas de Seguridade (ASECOPS) súmase ao Comité Organizador da Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, a cal se celebrará do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Esta nova incorporación foi ratificada no marco do Salón Internacional de Seguridade (SICUR), en Madrid. O presidente de ASECOPS, Francisco Javier Grasa, e o director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán, foron os encargados de asinar o acordo.

ASECOPS é a segunda patronal do sector da seguridade privada polo número de traballadores que achegan as súas empresas asociadas. A súa vocación é a de conformar unha asociación empresarial relevante, tanto pola defensa dos intereses das súas empresas asociadas como pola súa participación nos distintos ámbitos empresariais, sociais, de usuarios e profesionais, que lles permitan abordar os problemas e as necesarias solucións que precisa o sector.

A implicación en Sedexpo 2022 da Asociación Española de Compañías Privadas de Seguridade supón un importante apoio para que a feira se convirta en punto de encontro de empresas, profesionais e institucións do sector da seguridade.

Sedexpo 2022

A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias reunirá de forma destacada aos principais axentes de cada un destes tres ámbitos sinérxicos e imprescindibles para garantir o benestar e a protección social. Será un foro idóneo para a interacción e o negocio que incidirá na xeración de oportunidades, a achega de solucións aos retos actuais e o desenvolvemento en investigación.