A Asociación Española de Lucha Contra el Fuego colabora na organización da feira SEDEXPO

  • AMBAS ENTIDADES ASINARON UN ACORDO POLO QUE ASELF, ENTIDADE DECANA NO SEU ÁMBITO DE ACTUACIÓN, PASA A FORMAR PARTE DO COMITÉ ORGANIZADOR DESTE EVENTO
  • O CERTAME, CENTRADO NOS ÁMBITOS DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS, CELEBRARÁ A SÚA PRIMEIRA EDICIÓN NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA (SILLEDA, PONTEVEDRA) DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO

Silleda, 24 de outubro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, a cal se celebrará do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, volveu sumar outro importante apoio ao seu proxecto.

Así, a Asociación Española de Lucha Contra el Fuego (ASELF) uniuse ao Comité Organizador de Sedexpo 2022 para colaborar na súa organización. Un acordo que foi asinado polo presidente deste colectivo, Pablo Gárriz, e polo director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán.

ASELF é a organización decana no seu ámbito de actuación, fundada hai máis de 50 anos grazas ao impulso dado por un amplo grupo de profesionais de distintos colectivos afíns e cuxo resultado directo foi a celebración do “I Congreso Nacional de Bombeiros”, desenvolto en Madrid en novembro de 1959. Trátase dunha entidade privada sen ánimo de lucro, de utilidade pública, ámbito estatal, con sede social en Madrid e cuxa finalidade é a defensa das vidas humanas e do patrimonio fronte a todo tipo de sinistros.

A implicación de ASELF na organización de Sedexpo 2022 é de gran relevancia para que o certame conforme un destacado e efectivo foro para o sector das emerxencias.

Sedexpo 2022

A I Feira de Seguridade, Defensa e Emerxencias será un punto de encontro no que organismos públicos, institucións, empresas e profesionais poderán explorar oportunidades de colaboración, establecer alianzas, intercambiar experiencias, xerar negocio e comprobar as novidades destes ámbitos sinérxicos e imprescindibles para garantir o benestar e a protección social.

A súa área expositiva constituirá un interesante escaparate para a súa industria e entidades de referencia. Ademais, o seu programa de actividades terá un gran interese, xa que incluirá xornadas técnicas, exhibicións, talleres formativos ou entrega de distincións.

Para todo iso contará co mellor lugar de celebración, a Feira Internacional de Galicia ABANCA. Este recinto conta con 400.000 metros cadrados de superficie, múltiples pavillóns, un auditorio para 624 persoas, 55.000 metros cadrados de espazos exteriores, un lago artificial, un heliporto e ring con bancadas cubertas. Unhas instalacións con gran amplitude e versatilidade que permitirán aos expositores presentar os seus produtos e proxectos de forma dinámica, realizando todo tipo de demostracións e exhibicións.