- O ACORDO FOI RATIFICADO A SEMANA PASADA NO MARCO DO SALÓN INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, SICUR, NO CAL O CERTAME LEVOU A CABO UN INTENSO LABOR DE CARA Á SÚA PRIMEIRA EDICIÓN
- A FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 17 Ao 19 DE NOVEMBRO
A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, a cal se celebrará do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, está a traballar intensamente na consecución de apoios.
Así, ao respaldo de distintas entidades nas últimas semanas e aos convenios asinados no marco do Salón Internacional de Seguridade (SICUR), súmase o acordo coa Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade Cidadá (AECRA), a cal será Entidade Colaboradora de Sedexpo. Este compromiso, que tamén se fixo efectivo no marco de Sicur a pasada semana, foi asinado por parte do presidente de AECRA, Jorge Salgueiro, e do director da Feira Internacional de Galicia ABANCA, Ricardo Durán.
AECRA defínese como unha asociación plural e profesional dedicada, cunha clara vocación integradora, á subministración de maneira principal de solucións xurídico prácticas para os axentes intervintes na seguridade cidadá. Pretenden establecer, a través dun labor coordinado, criterios interpretativos comúns e puntos de encontro ante situacións de fricción provocadas por unha falta de precisión das normas aplicables ao caso. O diálogo e a comunicación constitúen a razón da súa existencia.
O seu amplo abanico de servizos inclúe asesoramento, acceso a informes propios ou alleos, participación en foros de debate e Comisións de Traballo, elaboración de proxectos, organización de eventos ou firma de Convenios para mellora do interese xeral.
A súa colaboración con Sedexpo 2022 representa un importante respaldo para que a feira sexa un efectivo espazo de converxencia para empresas, profesionais e institucións do sector da seguridade.
Sedexpo en Sicur
A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias participou a pasada semana na área expositiva de Sicur cunha caseta no que tamén estivo presente a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), apoiando á feira e dando a coñecer tanto o seu traballo como algúns dos innovadores equipos que utiliza nas súas intervencións. O equipo de Sedexpo realizou un intenso labor de cara a a primeira edición do evento, atendendo multitude de visitas na caseta e mantendo reunións con importantes entidades do sector, ademais da firma de acordos.









