Da estratexia nacional ao presente e futuro no ámbito privado, a ampla visión da seguridade nas conferencias de SEDEXPO 2022

  • A PRIMERA EDICIÓN DESTA FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS ACOLLERÁ UN COMPLETO PROGRAMA DE XORNADAS ORGANIZADAS POR IMPORTANTES COLECTIVOS E DEPARTAMENTOS DA ADMINISTRACIÓN
  • TERÁ LUGAR DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 8 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, contará do 17 ao 19 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA cun completo programa de conferencias.

Unha proposta na que terán gran peso as xornadas centradas no ámbito da seguridade, as cales estarán organizadas por máis dunha ducia de colectivos e departamentos da Administración e non só se caracterizarán polo seu gran número, senón tamén pola ampla visión do sector que proporcionarán, a relevancia dos temas abordados e o alto nivel dos seus relatores.

Proba diso será xa a primeira das xornadas que se celebrará no certame. Centrarase no concepto español da seguridade nacional e estará organizada polo Departamento de Seguridad Nacional, o cal tamén abordará noutra conferencia a estratexia de seguridade nacional. Ademais, celebrarase unha mesa redonda sobre a CUI – Civil Uavs Initiative, iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia para atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver solucións innovadoras no ámbito da industria de sistemas e vehículos non tripulados, a cal ademais patrocina a feira.

A Asociación Internacional de Membros de Corpos de Seguridade e Emerxencias (AIMCSE) e a Asociación de Directores de Seguridade (ADISPO) conducirán varias xornadas nas que se tratarán, entre outros aspectos, a cooperación público-privada en materia de intelixencia económica, a intelixencia en apoio da seguridade e das investigacións, a ciberintelixencia corporativa, a ciberseguridade, o papel da intelixencia en conflitos armados como o de Ucraína ou a participación de ADISPO en Top Eco Cloud como exemplo de impulso á innovación.

Tamén terá lugar a I Xornada sobre a normativa en seguridade privada, presente e futuro na súa regulación, organizada pola Asociación Europea de Profesionais para o Coñecemento e Regulación de Actividades de Seguridade (AECRA), a Asociación Estatal de Formación de Seguridade Privada (ASEFOSP), a Asociación de Xefes e Directores de Seguridade de España (AJDSE) e a Federación Empresarial Española de Seguridade (FES).

Así mesmo, analizarase a seguridade en contorna portuaria, por parte da Asociación de Directivos de Seguridade Integral (ADSI) e a Alianza Española de Seguridade e Crise (AESyC); e tamén o equipamento robotizado como futuro da seguridade e a carreira profesional en seguridade, de man da asociación internacional ASIS.

A Plataforma  Tecnolóxica Española de Seguridade e Resiliencia Industrial (PESI) profundará no modelo de xestión integral de riscos e gobernanza de seguridade para a resiliencia de infraestruturas críticas e servizos esenciais para a sociedade e tamén na innovación e desenvolvemento tecnolóxico en materia de seguridade, emerxencias e tecnoloxías duais.

Por outra banda, tamén haberá presentacións como a do Proxecto Atalaya de Seguridade Privada, realizada pola Asociación Española de Compañías de Seguridade Privada (ASECOPS) e a de proxectos da actual convocatoria da Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado en vehículos non tripulados da Xunta de Galicia.

Ademais, algunhas das empresas presentes na área expositiva organizarán xornadas relacionados coa seguridade, como Esri, que achegará a súa visión sobre a transformación dixital nos organismos de seguridade e emerxencias, e Servidron, que fará o propio sobre o Aerial Insights, Cart-Ou- Matic, imaxe aérea para a obtención de cartografía, atestados e detección rápida de cambios e tamén sobre o sistema de detección e mitigación System Drone España.

A estas conferencias sumaranse interesantes demostracións e simulacros centrados en distintos produtos e sistemas, os cales terán lugar en diversas áreas do recinto.

Seis salas para un amplísimo programa

Sedexpo 2022 ofrecerá un completo programa no que ás conferencias relativas a seguridade sumaranse outras xornadas, centradas especialmente en emerxencias, pero tamén con algunhas propostas sobre defensa. Todo iso suporá manter seis salas funcionando ao mesmo tempo durante os tres días nos que terá lugar o certame.

Ademais, para o desenvolvemento das exhibicións e demostracións, a Feira Internacional de Galicia ABANCA poñerá a disposición os múltiples espazos que acollen os 400.000 metros cadrados deste recinto, como os seus múltiples pavillóns, o seu auditorio para 624 persoas, os 55.000 metros cadrados de espazos exteriores destinados a exposición ou actividades, o lago artificial ou o ring con bancadas cubertas.