- A II FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE DO 28 AO 30 DE NOVEMBRO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
Silleda, 11 de novembro de 2023.- O Ministerio do Interior volve estar presente na Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, a través da participación de varios dos seus departamentos, tal e como xa fixera na primeira edición do certame.
Así, nesta segunda cita, que se celebrará do 28 ao 30 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda – Pontevedra), terán presencia Departamentos e Unidades das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, como a Policía Nacional, a Garda Civil, a Oficina de Coordinación de Ciberseguridade e a área de Infraestrutura e Seguridade TIC.
Esta presenza é un paso máis para que o certame se converta nun interesante punto de encontro entre organismos públicos, empresas e profesionais, que poderán explorar oportunidades de colaboración, establecer alianzas, intercambiar experiencias, xerar negocio e comprobar todas as novidades de tres ámbitos dinámicos e claves no desenvolvemento do benestar e a protección social.
Un foro de gran interese
SEDEXPO poñerá en valor unha industria referente e vital para a economía e a sociedade, cuxo carácter estratéxico xera tamén un importante retorno en forma de riqueza, fomento de emprego cualificado e innovación tecnolóxica. Ademais, fomentará a cultura de seguridade e defensa no cidadán e achegará ao público o mundo das emerxencias.
Para iso, a súa atractiva área expositiva volverá destacar polo seu carácter dinámico, con demostracións de multitude de sistemas e produtos que noutros certames só poden exhibirse de forma estática e que nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA poden mostrarse en funcionamento debido ás súas dimensións, diversidade de espazos e versatilidade.
Sumarase un magnífico programa que incluirá xornadas técnicas de gran nivel, talleres, presentacións ou asembleas, ademais de espectaculares exhibicións e simulacros.









