O novo certame de seguridade, defensa e emerxencias SEDEXPO ultima xa a súa primeira edición, que será do 17 ao 19 de novembro

  • ESTA CITA, QUE TERÁ LUGAR NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, CONXUGARÁ UNHA ATRACTIVA ÁREA EXPOSITIVA CUN COMPLETO PROGRAMA DE ACTIVIDADES NO QUE DESTACARÁN TANTO AS EXHIBICIÓNS E SIMULACROS COMO AS CONFERENCIAS

Silleda, 4 de novembro de 2022.- A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, ultima xa a súa primeira edición, a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, en Silleda (Pontevedra).

SEDEXPO 2022 conformará un punto de encontro no que organismos públicos, institucións, empresas e profesionais destes ámbitos vitais para a sociedade poderán explorar oportunidades de colaboración, establecer alianzas, intercambiar experiencias, xerar negocio e coñecer novidades.

O certame contará con representación público/privada que poñerá de manifesto a colaboración constante e os numerosos nexos de unión entre organismos como as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Protección Civil, bombeiros ou sanitarios e as empresas privadas, o mundo académico e asociacións e colectivos destes ámbitos.

A súa área expositiva contará con empresas e entidades que mostrarán interesantes novidades e iniciativas, tendo maior desenvolvemento os ámbitos de seguridade e emerxencias. Expoñerase equipamento e sistemas de seguridade pública e privada, carroceiros de vehículos e material móbil para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Protección Civil e Emerxencias; equipos de protección individual, tecnoloxía aplicada, ferramentas de ciberseguridade, análise e intelixencia; solucións de prevención de riscos laborais, equipos de emerxencias, dispositivos de detección e extinción de incendios, robótica, aeronáutica, simulación e servizos de consultoría e enxeñería, entre outros.

En canto ao seu programa de actividades, será moi completo. Destacará non só o amplo número de conferencias, con seis salas funcionando ao mesmo tempo durante os tres días, senón tamén o alto nivel dos seus relatores e a relevancia dos temas abordados. Así mesmo, chamarán a atención as súas exhibicións e simulacros, que terán lugar tanto en zonas exteriores como no lago artificial do recinto e nos seus pavillóns.

Para todo iso, máis dunha vintena de entidades, departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central e colectivos vinculados cos sectores implicados apóiana desde o seu comité organizador e como colaboradores.

Ademais, SEDEXPO conta co patrocinio da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs) para mellorar a prestación dos servizos públicos e crear un polo de innovación tecnolóxica neste segmento do sector aeroespacial.

Exposición dinámica, sinal de identidade da feira

A posibilidade de mostrar e ver en funcionamento e a través de demostracións aquilo que noutras feiras se expón dunha forma moito máis estática, será un dos sinais de identidade do evento e un dos principais aspectos diferenciadores de Sedexpo.

Para iso, a Feira Internacional de Galicia ABANCA é o mellor lugar de celebración posible, grazas aos seus 400.000 metros cadrados de superficie e á versatilidade que lle confiren os seus múltiples pavillóns, o seu auditorio para 624 persoas, os 55.000 metros cadrados de espazos exteriores destinados a exposición ou actividades, o lago artificial ou o ring con bancadas cubertas.