O programa da feira SEDEXPO 2022 abordará as emerxencias dende todos os seus ámbitos e perspectivas

  • XORNADAS TÉCNICAS, O CONGRESO INTERNACIONAL DE INCENDIOS FORESTAIS INTERLUMES E DEMOSTRACIÓNS UNIRANSE Á ÁREA EXPOSITIVA DO CERTAME
  • A FEIRA, QUE TAMÉN SE CENTRARÁ NOS SECTORES DE SEGURIDADE E DEFENSA, SERÁ DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 14 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, que se celebrará do 17 ao 19 de novembro na Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), abordarán as emerxencias desde todos o seu ámbito e perspectiva. Á súa área expositiva, na que están presentes empresas líderes, sumarase un gran número de actividades deste sector.

Así, enmarcado na feira e organizado pola Consellería do Medio Rural, o I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes albergará diversas conferencias e mesas redondas con presenza de autoridades e expertos en lumes forestais tanto de Galicia como do resto de España e Portugal. Entre eles, abordaranse asuntos como a loita contra os incendios forestais na fronteira hispano-lusa, a planificación territorial como reto para a prevención de Grandes Incendios Forestais, os incendios forestais en Galicia en 2022 ou as aplicacións informáticas de apoio en xestión de incendios forestais. Ademais, dúas mesas redondas centraranse na prevención e a extinción.

Por outra banda, a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), expoñerá en dúas conferencias os “Sistemas e solucións de comunicación con 112” e “As máquinas chámannos ao 112. Ecall e?”, mentres que a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia – 061 impartirá un taller sobre soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática. A Civil Uavs Initiative, patrocinadora da feira, organizará tamén dúas xornadas. A primeira delas será a “A Civil Uavs Initiative: unha visión integradora”, centrada na nova folla de ruta desta iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs), mentres que a segunda mostrará “Experiencias Civil Uavs Initiative e experiencias BFAero”.

Ademais, a Asociación Profesional de Técnicos de Bombeiros (APTB) celebrará unha xornada profesional na que se tratarán temas como o retorno de experiencia no incendio da planta de biodiesel da Rioxa, os riscos na intervención operativa de incendios industriais ou a formación en xestión operativa e mando. Ademais, Tecnifuego e Cepreven uniranse na xornada “Traballamos pola calidade e o progreso da protección contra incendios”, debullando aspectos como o especialista na protección contra incendios ou mantemento de sistemas de protección pasiva.

Así mesmo, a Sociedade Española para o Desenvolvemento e Estudo da Psicoloxía tratará nun taller a xestión do estrés en situacións de crises e emerxencias, mentres que Asis España analizará nunha conferencia “os drons que veñen”.

Ademais, empresas presentes na área expositiva organizarán xornadas relacionadas coa seguridade e emerxencias, como Esri, que achegará a súa visión sobre a transformación dixital nos organismos de seguridade e emerxencias, e Servidron, que fará o propio sobre o Aerial Insights, Cart-Ou- Matic, imaxe aérea para a obtención de cartografía, atestados e detección rápida de cambios, e sobre o sistema de detección e mitigación System Drone España. Tamén Aerocámaras abordará os drons en situacións de emerxencia e rescate, Greentech Factory presentará casos de éxitos do uso da UAS nas intervencións de Protección Civil en Navarra e OneUP falará sobre futuro da seguridade nas costas co seu salvavidas portátil.

Exposición dinámica

En concordancia cun dos sinais de identidade do certame, levaranse a cabo numerosas demostracións centradas en emerxencias. Así, realizaranse do Ecofire de GSI, como unha revolución no mundo da extinción de incendios; dunha operación de excarceración por parte de Incipresa; e tamén un simulacro de Totem e lanzamento dos modelos de salvavidas portátiles de OneUP

Ademais, mostrarase o funcionamento dos drons de seguridade e salvamento Saturno, por parte de Umiles Group, e poderanse ver, de man de Aeromedia, usos reais de drons multirotor en emerxencias en vixilancia ou incendio, e tamén de voos de dron en despegamento vertical e voo horizontal en misións de salvamento.  Aerocámaras levará a cabo simulacros de rescate acuático e Greentech Factory demostracións dun sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron (imaxes e datos) a calquera parte do mundo vía LTE.