- ESTA ENTIDADE CONTA CON MÁIS DE 200 ASOCIADOS E O SEU LABOR DE FORMACIÓN TEN ALCANZADO A MÁIS DE 64.000 TÉCNICOS CONECTADOS COA SEGURIDADE E A PREVENCIÓN
- A I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO
Silleda, 5 de xullo de 2022.- A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, a cal celebrará a súa primeira edición do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra), segue sumando apoios ao seu proxecto. Así, a asociación Cepreven acaba de unirse ao Comité Organizador de Sedexpo 2022 a través dun acordo de colaboración.
Cepreven é unha asociación sen ánimo de lucro e declarada de Utilidade Pública, creada en 1975 e que ten por finalidade fomentar, en materia de prevención, o intercambio de informacións e experiencias con organismos, entidades e persoas físicas, así como contribuír ao perfeccionamento, instrución e capacitación de todos os actores involucrados na prevención e protección de riscos mediante a promoción de actividades de formación, comisións de traballo e edición de publicacións especializadas. Conta desde a súa creación co recoñecemento da profesión aseguradora e traballa en sintonía coas asociacións de prevención homólogas existentes nos países máis desenvolvidos no ámbito europeo e intercontinental.
Actualmente conta con máis de 200 asociados e o seu labor de formación alcanzou a máis de 64.000 técnicos conectados coa seguridade e a prevención en diversos ámbitos, destacando o relacionado coa seguridade contra incendios.
A relevancia desta incorporación a Sedexpo 2022 é máxima, xa que supón unha gran achega para que o certame se converta nun referente no ámbito da seguridade, a prevención e as Emerxencias.
Sedexpo 2022
A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias reunirá de forma destacada aos principais axentes de cada un destes tres ámbitos sinérxicos e imprescindibles para garantir o benestar e a protección social.
Será un foro idóneo para a interacción e o negocio que incidirá na xeración de oportunidades, a achega de solucións aos retos actuais e o desenvolvemento en investigación. Non en balde, á súa atractiva exposición unirase un completo programa de actividades con xornadas técnicas de primeiro nivel, exhibicións, talleres formativos ou entrega de distincións.









