A feira de seguridade, defensa e emerxencias SEDEXPO 2023 potenciará a presenza de Protección Civil

  • COA SÚA PARTICIPACIÓN PRETÉNDESE DESTACAR AS SÚAS CAPACIDADES E O SEU IMPORTANTE LABOR PARA A SOCIEDADE
  • O CERTAME CELEBRARÁ A SÚA SEGUNDA EDICIÓN DO 28 AO 30 DE NOVEMBRO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 14 de xullo de 2023.- A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, segue avanzando na organización da súa segunda edición, a cal terá lugar do 28 ao 30 de novembro deste ano na Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Neste sentido, o director da Fundación Semana Verde de Galicia, Ricardo Durán, e o xefe de Emerxencias da Xunta de Galicia en Pontevedra, Miguel A. Pérez Dubois, celebraron unha reunión no recinto feiral coa fin de potenciar a presenza de Protección Civil na segunda edición do certame.

Durante o seu transcurso abordaron diversos aspectos para que esa participación se faga efectiva na súa área expositiva, na que na pasada edición xa estivo presente a Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) da Xunta de Galicia, colaboradora na organización da feira. E tamén para que o programa do certame inclúa diversas actividades e actos relacionados con Protección Civil.

Destacar as súas capacidades e papel social

Protección Civil realiza un labor esencial para previr e minimizar os danos causados por situacións de emerxencia, desastres naturais ou provocados por humanos. Xunto coas autoridades e a poboación, o seu obxectivo é garantir a seguridade e benestar social.

As súas unidades traballan con dedicación para protexer e salvar vidas e bens, tamén aquelas conformadas por cidadáns que se ofrecen voluntariamente a colaborar na xestión de emerxencias e desastres.

Todo iso terá o seu reflexo en Sedexpo 2023, co obxectivo de destacar as capacidades de Protección Civil, dar valor ao seu importante labor na sociedade e tamén recoñecer o papel dos voluntarios.