A feira de seguridade, defensa e emerxencias SEDEXPO estréase mañá con 284 firmas e as xornadas e demostracións como sinais de identidade

  • ESTE CERTAME, QUE SERÁ INAUGURADO POLA CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA, E O CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, JOSÉ GONZÁLEZ, CELEBRARASE ATA O SÁBADO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • ENTIDADES E DEPARTAMENTOS DA XUNTA DE GALICIA E A ADMINISTRACIÓN CENTRAL, AS FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO E DISTINTAS EMPRESAS ORGANIZARÁN CONFERENCIAS, OBRADOIROS, PRESENTACIÓNS, EXHIBICIÓNS E ESPECTACULARES SIMULACROS

Silleda, 16 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, abre mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA. Estréase así unha cita que terá como sinais de identidade a súa exposición dinámica, a cal permite ver a través de demostracións aquilo que noutras feiras se mostra de forma moito máis estática, e tamén o seu completo programa de conferencias.

Esta primeira edición do certame, que será inaugurada mañá pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, conta con 284 firmas expositoras de 26 países, das cales 92 son expositores directos e as restantes están representadas por estes. As entidades e empresas presente en feira proceden de 7 países, como son España, EE.UU, Alemaña, Francia, Irlanda, Italia e Suecia.

A exposición, na que contarán con maior desenvolvemento os ámbitos de seguridade e emerxencias, mostrará equipamento e sistemas de seguridade pública e privada, carroceiros de vehículos e material móbil para as Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, Protección Civil e Emerxencias; equipos de protección individual, tecnoloxía aplicada, ferramentas de ciberseguridade, análise e intelixencia; solucións de prevención de riscos laborais, equipos de emerxencias, dispositivos de detección e extinción de incendios, robótica, aeronáutica, simulación e servizos de consultoría e enxeñería, entre outros.

A esta mostra sumarase unha interesante programación de actividades que se desenvolverá en distintos espazos tanto interiores como exteriores, ocupando a feira un total 27.800 metros cadrados brutos do recinto.

Desde o seu comité organizador e como colaboradores, apoian o certame unha vintena de entidades, colectivos e departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central. Ademais, conta co patrocinio da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Estas entidades, ademais das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado e numerosas empresas presentes no certame, organizarán un programa con multitude de propostas.

Máis de 90 conferencias e espectaculares simulacros

Un dos elementos diferenciadores de Sedexpo será o seu amplo programa de conferencias, con máis de 90 relatorios enmarcados en máis de trinta xornadas e no I Congreso Internacional de Incendios Forestais de Galicia Interlumes. Un gran número que supoñerá a participación de preto de 130 expertos e o funcionamento de seis salgas para o seu desenvolvemento durante a feira.

Os temas abordados serán de máximo interese, analizando entre outros moitos aspectos, o concepto español e a estratexia de seguridade nacional, o sistema integral de radiocomunicacións de emerxencias do Estado, a cooperación público-privada en materia de intelixencia económica, o presente e futuro na regulación da seguridade privada, os drons en situacións de emerxencia e rescate, intelixencia e ciberintelixencia empresarial ou corporativa, ameazas híbridas e ciberseguridade, intelixencia en conflitos armados como o de Ucraína, solucións de comunicación con 112, a trasformación dixital nos organismos de seguridade e emerxencias ou a protección contra incendios.

Sumaranse talleres como os de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática ou o de xestión do estrés en situacións de crises e emerxencias, ademais de presentacións e reunións de xuntas directivas.

Por outra banda, destacarán as numerosas demostracións que permitirá ver os produtos expostos en funcionamento, como as de sistemas de extinción de incendios, equipos de excarceración, salvavidas portátiles, drons de seguridade e salvamento, un sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron a calquera parte do mundo vía LTE ou dun prototipo de dron armado en desenvolvemento para as Forzas Armadas.

Ademais, diversos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado realizarán espectaculares simulacros. A Garda Civil simulará un atentado a un VIP (Very Important Person) en convoi de seguridade, con participación de unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, a unidade de drons e antidrones Pegaso, a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia), técnicos en desactivación de explosivos e dispositivos NRBQ (nuclear, radiolóxico, biolóxico e químico), especialistas do Grupo Cinolóxico cos seus cans, Unidade de Helicópteros e o seu Grupo de Cabalería. Pola súa banda, a Policía Autonómica levará a cabo no lago do recinto unha intervención subacuática de procura realizada por mergulladores e dron submarino.