- José González chamou a reforzar a cooperación institucional na loita contra os incendios forestais, lembrando o convenio de protección das aldeas e o compromiso de dúas das deputacións provinciais -Ourense e Pontevedra- neste eido
- salientou os esforzos do Goberno galego na loita fronte o lume, poñendo en valor a estabilidade laboral do persoal da Xunta, así como os investimentos -realizados e previstos- en melloras técnicas e dotación de medios materiais
- Recordou que Galicia conta cunha ampla rede de servizos de emerxencias, formados tanto por profesionais como por voluntarios dispostos a dar o mellor de si co único fin de salvagardar a seguridade e o benestar da sociedade
- Alfonso Villares destacou o importante papel de dispositivos como os drons que constitúen unha solución para optimizar o salvamento marítimo, a loita contra a contaminación mariña accidental, o furtivismo e a preservación dos ecosistemas
Silleda (Pontevedra), 28 de novembro de 2023. O conselleiro do Medio Rural, José González, definiu hoxe a Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (Sedexpo) como un “proxecto en conxunto” e un “espazo de colaboración”, facendo fincapé en que estes ámbitos constitúen “unha loita de todos”. Ademais, remarcou que a través desta feira se asume a “responsabilidade compartida de facernos máis resistentes e resilientes ante as incertezas e os retos do futuro”.
José González participou, xunto co conselleiro do Mar, Alfonso Villares, e o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva, na inauguración deste certame, que se celebrará no recinto da Feira Internacional de Galicia Abanca dende hoxe ata o vindeiro xoves, 30 de novembro.
Na súa intervención, o titular de Medio Rural destacou os case 29.000 metros cadrados de superficie expositiva desta feira, que puxo en valor como “lugar de intercambio de coñecemento e fonte de creación de sinerxías”. Nesta liña, salientou tamén que o evento permitirá “establecer alianzas, intercambiar experiencias, xerar negocio, tomar o pulso ao mercado e coñecer non só as novidades destes ámbitos, senón tamén as últimas tendencias”.
Optimización de medios
En relación coa loita contra os incendios forestais, o conselleiro fixo especial fincapé na prevención, como “vía fundamental para acalar aquelas situacións máis complicadas”. Falou tamén da optimización dos medios, lembrando que Galicia conta con máis de 7.000 persoas no seu operativo, contabilizando tanto os profesionais propios da Xunta coma os adscritos a outras administracións.
Sobre o dispositivo propio do Goberno galego, integrado por máis de 3.000 persoas, González valorou a súa estabilidade laboral que -destacou- determina en gran medida a súa profesionalidade. Así, subliñou que a nosa comunidade conta cun dispositivo público no que dous terzos dos seus compoñentes traballan todo o ano e o terzo restante seis meses.
Canto á dotación de material, o conselleiro puxo en valor, entre outras iniciativas, a renovación de ata 125 vehículos motobomba desenvolvida pola Xunta na última década, acadando o 80 % da frota do operativo. Así mesmo, salientou os 24 millóns de euros consignados nos orzamentos de 2024 explicitamente para a dotación de medios, incluíndo os aéreos e a subministración da uniformidade do servizo. Na mesma liña, referiuse á optimización das infraestruturas, con mención particular ás bases de unidades operativas, coñecidas como BUO e avanzou a construción de novas instalacións deste tipo, que se virán sumar ás xa iniciadas de Muiños -próxima ao seu remate-, Mondoñedo e Rianxo.
Outro aspecto destacado por José González foi a futura inauguración do Centro integral para a loita contra o lume de Toén (Ourense), que estará destinado á formación dos traballadores do Servizo de prevención e defensa contra incendios da Administración autonómica e como referente na materia en toda Europa.
Asemade, o conselleiro mencionou o II Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, organizado pola Xunta e que se celebrará estes días en Silleda e trasladou que, con todo este esforzo, o Goberno galego busca perseverar na redución “ao máximo” da posibilidade de ocorrencia de lumes ou, no seu defecto, da súa afectación.
Ampla rede de servizos de emerxencias
Nun contexto máis amplo, José González recordou que Galicia conta cunha ampla rede de servizos de emerxencias, formados tanto por profesionais como por voluntarios dispostos a dar o mellor de si mesmos co único obxectivo de salvagardar a seguridade e o benestar da sociedade.
Para acadar esta finalidade, o conselleiro incidiu na prevención e na colaboración, facendo referencia a fitos coma o convenio de protección das aldeas, no que participan a maioría dos concellos galegos, ou a cooperación con dúas das deputacións provinciais, Ourense e Pontevedra “polo momento”, remarcou, apelando a que esta suma de esforzos “se faga plural”. Tamén vinculado á prevención, José González fixo mención ás leis de recuperación da terra agraria -en vigor- e de loita integral contra os incendios forestais -en tramitación-. Así, trasladou que ambas, en conxunto, levarán a planificación preventiva a un “seguinte nivel”, intensificando a implantación de instrumentos de mobilización da terra e primando a súa colocación no territorio con criterios de prevención.
Salvamento marítimo
O conselleiro do Mar incidiu no papel cada vez máis importante dos dispositivos como os drons que constitúen unha solución para optimizar as tarefas de salvamento marítimo, combater a loita contra a contaminación mariña accidental, mellorar a preservación dos ecosistemas fluviais e costeiros e perfeccionar a vixilancia do furtivismo. Unha tecnoloxía, tal e como explicou Alfonso Villares, coa que conta o Servizo de Gardacostas que participou nesta feira a través do helicóptero Pesca 1 coa realización dun simulacro de recollida dun ferido en terra para o seu traslado ao centro hospitalario.
Nesta liña, tamén se reforzou con drons outras actuacións como as relacionadas coa recollida de mostras e a medición de parámetros de calidade da auga de forma autónoma, ou na mellora e o desenvolvemento da actividade por parte dos profesionais do Instituto Tecnolóxico para o Control do Medio Mariño de Galicia (Intecmar) ou do Centro de Investigacións Mariñas que presentou o mes pasado un proxecto que utiliza este tipo de dispositivos e a intelixencia artificial para obter información actualizada sobre o cremento e evolución da mexilla no litoral.
rol del Medio Marino de Galicia (Intecmar) o del Centro de Investigaciones Marinas que presentó el mes pasado un proyecto que utiliza este tipo de dispositivos y la inteligencia artificial para obtener información actualizada sobre el crecimiento y evolución de la mexilla en el litoral.