As Forzas e Corpos de Seguridade do Estado mostrarán o seu traballo e protagonizarán espectaculares simulacros en SEDEXPO 2022

  • A GARDIA CIVIL E A POLICÍA AUTONÓMICA DE GALICIA RECREARÁN DISTINAS SITUACIÓNS, COMO UN ATENTADO A UN VIP POR PARTE DA PRIMEIRA E UNHA PROCURA SUBMARINA NO CASO DA SEGUNDA, ADEMAIS DE CONTAR CON STANDS NOS QUE PODERÁN VERSE DISTINTOS OPERATIVOS E MEDIOS
  • A POLICÍA NACIONAL ESTARÁ PRESENTE NA ÁREA EXPOSITIVA CON NUMEROSAS UNIDADES E NO PROGRAMA CON DÚAS XORNADAS TÉCNICAS, MENTRAS QUE AS POLICÍAS LOCAIS DE GALICIA E MADRID ORGANIZARÁN CONFERENCIAS
  • ESTA I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO

Silleda, 11 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará cunha importante representación dos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.

Reunirá a Policías Locais de Galicia, Policía Municipal de Madrid, Policía Autonómica de Galicia e as dúas principais Forzas de ámbito nacional, o Corpo Nacional de Policía e o corpo de seguridade máis antigo de España, a Garda Civil.

A Garda Civil mostrará na área expositiva diversos equipos e sistemas, entre eles os seus novos vehículos eléctricos de Fiscal e Fronteiras, de Seguridade Cidadá, da Agrupación de Tráfico e Servizo de Protección da Natureza, ademais de diversa uniformidade de protección e material técnico, como o dactiloscópico que se utiliza na recensión de detidos, o empregado nos controis de velocidade na estrada, material de control de masas, drons, etc.

Pola súa banda, a Policía Nacional participará na área expositiva do certame cun stand no que terán presenza as unidades de Medios Aéreos, Telecomunicacións, Estranxeiría e Fronteiras, TEDAX, Policía Científica, Seguridade Privada e Escola Nacional de Policía.

Así mesmo, levará a cabo dúas xornadas. A primeira delas, centrada nos drons na Policía Nacional e a segunda no uso da tecnoloxía no labor policial. Nesta última participarán representantes da Subdirección Xeral de Loxística, Área de Telecomunicación; Comisaría Xeral de Información: TEDAX; Comisaría Xeral de Seguridade Cidadá: Unidade Central de Seguridade   Privada; Comisaría Xeral de Policía Científica; Comisaría Xeral de Estranxeiría e Fronteiras: Punto de Atenas; División Económica e Técnica. Servizo de Helicópteros; e a Xefatura Superior de Policía de Galicia.

En canto á Policía Autonómica, mostrará distintos aspectos deste corpo a través dun espazo expositivo en feira. E a Policía Local, protagonizará varias xornadas de gran interese. Así, a Asociación de Xefes e Mandos de Policía Local de Galicia (AXEMPOL), falará sobre o presente e futuro das policías locais de Galicia, coa participación dos xefes da Policía Local de A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Porriño, Poio, Valdoviño e Viveiro. Sumaranse dúas conferencias da Policía Local de Madrid, as cales versarán sobre o uso dos sistemas de información na Policía Municipal de Madrid, a cargo do seu xefe de Servizos de Sistemas de Información, e sobre a Policía Municipal de Madrid en proxectos de investigación europeos. Proxecto Intrepid, por parte do Intendente responsable do proxecto.

Vistosas demostracións

Ademais de estar presentes no certame con stand, tanto a Garda Civil como a Policía Autonómica realizarán vistosas exhibicións.

O Corpo da Garda Civil fará alarde da súa gran transversalidade (teñen capacidades en mar, aire, montaña, estradas, medios subacuáticos, etc), de forma que protagonizará durante o sábado de feira un espectacular simulacro de atentado a un VIP (Very Important Person) en convoi de seguridade, onde poñerá de manifesto a súa versatilidade e capacidade de resposta.

Nesta exhibición participarán unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, a unidade de drons e antidrons Pegaso, a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia), técnicos en desactivación de explosivos e dispositivos NRBQ (nuclear, radiolóxico, biolóxico e químico), especialistas do Grupo Cinolóxico cos seus cans, Unidade de Helicópteros e o seu Grupo de Cabalería, conxugando con estes últimos a preservación da tradición e a adaptación á modernidade dos nosos días.

Pola súa banda, a Policía Autonómica levará a cabo un vistoso simulacro no lago do recinto. Consistirá nunha procura subacuática con mergulladores e dron submarino.