Os drons terán un papel destacado no programa de SEDEXPO 2022, con vistosas demostracións e xornadas técnicas

  • PODERÁ VERSE O USO DE VEHÍCULOS AÉREOS NON TRIPULADOS (UAVS) TANTO EN ESPAZOS EXTERIORES COMO NO LAGO ARTIFICIAL DO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA, ONDE TERÁ LUGAR O CERTAME
  • REALIZARANSE ALGUNHAS PRESENTACIÓNS E DEMOSTRACIÓNS EN PRIMICIA, COMO A DUN PROTOTIPO DE DRON EN DESENVOLVEMENTO PARA AS FORZAS ARMADAS
  • ESTA I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO

Silleda, 9 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, contará con numerosas actividades.

Os drons serán os protagonistas de moitas destas propostas, ademais de estar presentes na área expositiva da feira a través de empresas do sector. En canto a xornadas técnicas, presentarase a plataforma intelixente de supervisión de emerxencias para a frota pesqueira de baixura de Galicia, por parte da Asociación Galega de Sistemas Intelixentes non Tripulados (AGASINT) e liderada por Imatia Innovation. Abordarase a CUI – Civil Uavs Initiative, iniciativa estratéxica pioneira en Europa liderada pola Xunta de Galicia cuxo obxectivo é atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver solucións innovadoras no ámbito da industria de sistemas e vehículos non tripulados, a cal ademais patrocina a feira.

Así mesmo, daranse a coñecer os proxectos da actual convocatoria Business Factory Aero (BFAero), programa de incubación, aceleración e consolidación de empresas especializado en vehículos non tripulados da Xunta de Galicia.

Analizarase ademais o uso de drons en situacións de emerxencia e rescate, por parte de Aerocámaras, e tamén os sistemas de detección e mitigación do System Drone España e a imaxe aérea para a obtención de cartografía, atestados e detección rápida de cambios do Aerial Insights, Cart-Ou-Matic, de man de Servidron. Tamén se presentarán casos de éxitos e explicarase o uso da UAS dentro das intervencións de Protección Civil en Navarra, sendo Greentech Factory a encargada de facelo.

Ademais, os drons centrarán numerosos relatorios doutras xornadas sobre seguridade pública e privada, emerxencias, dixitalización ou protección e extinción contra incendios.

Exhibicións

Por outra banda, o certame acollerá interesantes demostracións con vehículos aéreos non tripulados tanto en distintas zonas exteriores da Feira Internacional de Galicia ABANCA como no seu lago artificial.

Así, mostrarase o funcionamento de drons de seguridade e salvamento, por parte de Umiles Group. Ademais, poderanse ver usos reais de drons multirotor en emerxencias, con distintas RPAS (aeronaves pilotadas por control remoto) e sensores, en vixilancia ou incendios, ademais de voos de dron en despegue vertical e voo horizontal en misións de salvamento e emerxencias, de man de Aeromedia.

En primicia, realizarase unha demostración dun prototipo de dron armado en desenvolvemento para as Forzas Armadas, denominado D-Gun e que será presentado por primeira vez no certame por Aerocámaras e Arteixo Telecom.

Sedexpo 2022 e o seu programa de actividades estenderase durante tres días, con horario de 10.00h a 19.00h os dous primeiros días e de 10.00h a 17.00h o sábado 19 de novembro.