- ESTE CERTAME, QUE FOI INAUGURADO POLA CONSELLEIRA DO MAR, ROSA QUINTANA, E O CONSELLEIRO DO MEDIO RURAL, JOSÉ GONZÁLEZ, CELEBRARASE ATA O SÁBADO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
- NA XORNADA DE HOXE PROGRAMÁRONSE MÁIS DE CORENTA CONFERENCIAS E NUMEROSAS DEMOSTRACIÓNS, PRESENTACIÓNS E TALLERES
Silleda, 17 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, abriu esta mañá as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA.
Inaugurada pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, estreouse coa innovación como protagonistas tanto da mostra como do programa desta cita, a cal que ten como sinais de identidade a súa exposición dinámica, a cal permite ver a través de demostracións aquilo que noutras feiras se mostra de forma moito máis estática, e tamén o seu completo programa de xornadas.
En consonancia con esta característica diferenciadora, o certame celebrou ao longo do día de hoxe máis de corenta conferencias e numerosas demostracións, presentacións e talleres.
Así, o Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, organizado pola Consellería de Medio Rural hoxe e mañá no marco de Sedexpo, deu comezo ao programa de hoxe. A ela sumáronse numerosas xornadas centradas en aspectos como o concepto español e a estratexia da seguridade nacional, o presente e futuro das policías locais de Galicia, o programa Sirdee – sistema integral de radiocomunicaciones de emerxencia do estado, sistemas e solucións de comunicación con 112, sistema de detección e mitigación System Drone España, protección contra incendios, a formación dos mandos dos servizos de emerxencias en canto a técnicos de bombeiros, intelixencia económica pública e privada, prioridades tecnolóxicas para a seguridade e resiliencia de infraestruturas críticas e fontes de financiamento da I+d+i, a Policía Municipal de Madrid en proxectos de investigación europeos ou unha visión integrada da Civil Uavs Initiative, iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que patrocina a feira e que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).
Por outra banda, destacaron as numerosas demostracións celebradas na feira, as cales permiten ver os produtos expostos en funcionamento, levándose a cabo hoxe algunhas centradas en sistemas de extinción de incendios, equipos de excarceración, drons de seguridade e salvamento ou un sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron a calquera parte do mundo vía LTE.
Tamén se desenvolveron talleres como o de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, presentacións de proxectos e casos de éxito e tamén reunións de xuntas directivas.
Un completo programa ata o sábado
Sedexpo acollerá ata o sábado un amplo programa de conferencias, con máis de 90 relatorios conducidos por preto de 130 expertos, o que suporá o funcionamento de seis salas durante a feira. Tamén continuarán as demostracións, simulacros, talleres e presentacións, as cales terán lugar en distintos espazos do recinto tanto interiores como exteriores.