SEDEXPO 2022 conclúe tras recibir a tres mil visitantes e mostrar tanto a perspectiva como o traballo de centenares de expertos

  • ESTA PRIMEIRA EDICION DA FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS, QUE FOI INAUGURADA O PASADO XOVES, CONTOU CON 284 FIRMAS DE 26 PAÍSES, DAS CALES 92 FORON EXPOSITORES DIRECTOS
  • A XORNADA DE HOXE ACOLLEU DOUS ESPECTACULARES SIMULACROS REALIZADOS POLA GARDA CIVIL E A UNIDADE DE POLICÍA AUTONÓMICA DE GALICIA (UPA), ADEMAIS DE CONFERENCIAS, DEMOSTRACIÓNS E OBRADOIROS

Silleda, 19 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, pechou as súas portas no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA tras tres días nos que exposición e actividades se uniron para poñer en marcha unha cita que pretende converterse nun efectivo punto de encontro para empresas, entidades e profesionais.

O certame, inaugurado o pasado xoves pola conselleira do Mar, Rosa Quintana, e o conselleiro do Medio Rural, José González, contou cunha afluencia de tres mil visitantes, dos cales a maioría foron profesionais dos sectores implicados, aínda que tamén se rexistrou público xeneral na xornada de hoxe, na que Sedexpo se abriu ao público coa intención de fomentar a cultura de seguridade e defensa no cidadán e achegarlle o mundo das emerxencias. Un obxectivo que se sumou aos de crear oportunidades económicas para estes sectores e poñer en valor a labor dos profesionais destes ámbitos imprescindibles para o benestar e a protección social.

O certame, con maior desenvolvemento dos sectores de seguridade e emerxencias, acolleu 284 firmas expositoras de 26 países, das cales 92 foron expositores directos e as restantes estiveron representadas por estes. Estas entidades presentes na feira, as cales procedían de España, EE.UU, Alemaña, Francia, Irlanda, Italia e Suecia, mostraron a tecnoloxía máis punteira.

Tanto a maioría destas empresas participantes como a organización valoran positivamente esta primeira edición, de tal xeito que proximamente se estudará a data da vindeira cita do certame, ben en 2023 para a súa consolidación e posterior celebración cada dous anos ou ben a súa realización xa nun espazo de dous anos. En calquera dos casos, a información transmitida á organización supón que as súas expectativas de crecemento para a próxima convocatoria sexan notables.

Nesta edición de arranque destacou o gran apoio que Sedexpo recibiu por parte dunha vintena de entidades, colectivos e departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central, así como das Forzas e Corpos de Seguridade do Estado. Ademais, contou co patrocinio da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).

Un amplo programa

Sedexpo contou cun completo programa de actividades, as cales foron conducidas por centenares de expertos. Entre elas, leváronse a cabo 91 relatorios incluídos en trinta xornadas e no I Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, organizado pola Consellería do Medio Rural no certame con gran éxito. Un gran número que supuxo o funcionamento de seis salas durante a feira.

Os temas abordados foron de máximo interese, analizando entre outros moitos aspectos, o concepto español e a estratexia de seguridade nacional, o sistema integral de radiocomunicacións de emerxencias do Estado, a cooperación público-privada en materia de intelixencia económica, o presente e futuro na regulación da seguridade privada, os drons en situacións de emerxencia e rescate, intelixencia e ciberintelixencia empresarial ou corporativa, ameazas híbridas e ciberseguridade, intelixencia en conflitos armados como o de Ucraína, solucións de comunicación con 112, a trasformación dixital nos organismos de seguridade e emerxencias, a protección contra incendios, o presente e futuro da Policía Local en Galicia ou a Garda Civil na seguridade de grandes eventos.

Sumáronse obradoiros como os de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática ou o de xestión do estrés en situacións de crises e emerxencias, ademais de presentacións e reunións de xuntas directivas.

Por outra banda, destacaron as numerosas demostracións, como as de sistemas de extinción de incendios, equipos de excarceración, salvavidas portátiles, drons de seguridade e salvamento, un sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron a calquera parte do mundo vía LTE ou do dron D-Gun e dron de disuasión.

Sedexpo fixo así efectivos os seus sinais de identidade, cunha exposición dinámica que permitiu ver a través de demostracións aquilo que noutras feiras se mostra de forma moito máis estática, e cun completo programa de conferencias nas que se achegou unha ampla visión destes sectores.

Espectaculares simulacros hoxe na feira

Esta mañá leváronse a cabo no certame dous vistosos simulacros, nos cales se rexistrou un gran número de espectadores. A Garda Civil simulou un atentado a un VIP (Very Important Person) en convoi de seguridade, con participación de unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, a unidade de drons e antidróns Pegaso, a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia), técnicos en desactivación de explosivos e dispositivos NRBQ (nuclear, radiológico, biolóxico e químico), Unidade de Helicópteros, especialistas do Grupo Cinolóxico cos seus cans e o seu Grupo de Cabalería.

Pola súa banda, a Unidade de Policía Autonómica de Galicia (UPA) levou a cabo no lago do recinto unha intervención subacuática de procura realizada por mergulladores e dron submarino.

>>> Aquí pode visualizar máis fotos da feira