- A ASOCIACIÓN INTERNACIONAL DE MIEMBROS DE CUERPOS DE SEGURIDAD Y EMERGENCIAS E A ASOCIACIÓN DE DIRECTORES DE SEGURIDAD ASINARON ONTE EN MADRID SENLLOS ACORDOS CO CERTAME
- A I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO NA FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO, segue reforzando o seu Comité Organizador para a celebración da súa primeira edición, a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA (Silleda, Pontevedra).
Neste sentido, o director da entidade feiral, Ricardo Durán, asinou onte en Madrid senllos acordos con dúas importantes asociacións do sector, AIMCSE e ADISPO, nun encontro no que tamén participou Luís Martínez, reitor de Sedexpo.
Así, a Asociación Internacional de Miembros de Cuerpos de Seguridad y Emergencias (AIMCSE), que xa formaba parte do Comité Reitor de Sedexpo, pasou tamén a ser membro do Comité Organizador do certame a través dun convenio ratificado polo seu Vicepresidente, o Coronel (R) DEM. Fernando Montoya. Un acordo no que se inclúe ademais un interesante desconto dun 10% para as empresas dos socios desta entidade sobre o espazo expositivo da feira.
Pola súa banda, a Asociación de Directores de Seguridad (ADISPO), apoiará a Sedexpo sumándose tamén ao seu Comité Organizador. Vicente Hernández, Presidente tanto desta entidade como de AIMCSE, foi o encargado de asinar o acordo, polo cal ademais tanto ADISPO como AIMCSE, estarán presentes co seu stand en SEDEXPO.
A implicación de ambas as entidades no Comité Organizador de Sedexpo supón un respaldo esencial para que a feira se converta nun efectivo punto de encontro de empresas, profesionais e institucións do sector.
Un gran foro nun espazo inmellorable
A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias reunirá aos principais axentes de cada un destes tres ámbitos sinérxicos e imprescindibles para garantir o benestar e a protección social.
Será un foro idóneo para a interacción e o negocio que incidirá na xeración de oportunidades, a achega de solucións aos retos actuais e o desenvolvemento en investigación. Ademais, fomentar a cultura de seguridade e defensa no cidadán, achegar ao público o mundo das emerxencias e facerlle partícipe da súa necesaria implicación, serán puntos estratéxicos sobre os que tamén virará o certame.
Sedexpo celebrarase nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, na localidade de Silleda, un espazo amplo e versátil cunha valiosa vantaxe para a industria, poder expoñer os produtos non só de maneira estática senón tamén dinámica. O recinto cota con 400.000 metros cadrados de superficie, con múltiples pavillóns, 55.000 metros cadrados de espazos exteriores para demostracións, un lago artificial, un heliporto, ring-hipódromo con bancadas cubertas e auditorio para 624 persoas.