- ESTA II FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS RECIBIU DENDE O MARTES A 3.607 ASISTENTES, ESENCIALMENTE PROFESIONAIS PROCEDENTES DE DISTINTOS PUNTOS DE ESPAÑA E PORTUGAL
- AS IMPRESIÓNS TRASLADADAS POLA MAIORÍA DE EXPOSITORES PERMITEN Á ORGANIZACIÓN CONTAR CON MOI BOAS EXPECTATIVAS PARA A SEGUINTE CONVOCATORIA, A CAL PROBABLEMENTE SERÁ NO PRIMEIRO SEMESTRE DE 2025
Silleda, 30 de novembro de 2023.- A II Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2023, pechou hoxe as súas portas tras converterse desde o martes nun dinámico escaparate e un foro de converxencia para estes tres ámbitos imprescindibles para a protección e o benestar social.
Desde entón o recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA recibiu a 3.607 visitantes, o que supón un 22,5% máis que na súa primeira cita, cando foran 2.943. Estes asistentes correspondéronse na súa inmensa maioría con profesionais dos sectores implicados procedentes de distintos puntos de España e Portugal.
Estes visitantes puideron coñecer as propostas de 209 firmas expositoras de 24 países, das cales 83 foron expositores directos de dez países, como son Alemaña, España, Francia, Israel, Italia, Letonia, México, Países Baixos, Paquistán e Portugal. Unhas cifras que supuxeron que os expositores directos ocupasen un 5,4% máis de espazo e procedesen dun 42% máis de países que na anterior edición, sendo ademais o número de empresas estranxeiras presentes un 29% máis.
Estes expositores trasladaron de forma xeneralizada á organización boas impresións respecto a esta segunda edición, ademais de destacar que o perfil dos visitantes foi o adecuado aos seus intereses e que a súa intención é repetir como expositores. Isto permite á organización contar con moi boas expectativas para a terceira edición, a cal probablemente será no primeiro semestre de 2025.
O certame celebrouse co respaldo dunha vintena de entidades, colectivos e departamentos da Xunta de Galicia e da Administración Central. Ademais, contou co patrocinio da Civil UAVs Initiative, unha iniciativa estratéxica liderada pola Xunta de Galicia que ten como finalidade promover solucións innovadoras baseadas en vehículos aéreos non tripulados (UAVs).
Un programa de gran nivel
O programa de actividades de Sedexpo 2023 destacou tanto pola categoría das súas xornadas técnicas como polas súas magníficas demostracións e simulacros, os cales dotaron ao certame de gran dinamismo. As exhibicións supuxeron comprobar in situ as funcionalidades de produtos e sistemas que noutras feiras soamente poden verse de forma estática, mentres que os simulacros permitiron coñecer as capacidades e labor de distintas entidades de emerxencias e de Corpos e Forzas de Seguridade do Estado.
Foron máis de 50 as conferencias da feira, enmarcadas nunha vintena de xornadas técnicas e no II Congreso Internacional de Incendios Forestais de Galicia Interlumes, organizado pola Consellería do Medio Rural. Ademais da participación de recoñecidos expertos dos ámbitos da seguridade, defensa e emerxencias, destacou o interese dos temas abordados, entre eles solucións innovadoras para a localización de persoas extraviadas por medio de vehículos aéreos non tripulados, o presente e futuro tanto da seguridade privada como dos drons, a protección executiva público-privada, programas europeos de I+D+i en seguridade e emerxencias, mitos dos tiroteos, protección civil en emerxencias, incendios forestais de sexta xeración, seguridade en espazo públicos ameazados polo terrorismo, desafíos e solucións en seguridade ou os bulos en emerxencias.
Sumáronse talleres como os de soporte vital básico e desfibrilación externa semiautomática, presentacións como a centrada en sistemas para xestionar grandes volumes de operacións con drons, asembleas e encontros.
En canto ás demostracións, que foron moi numerosas, permitiron ver os produtos expostos en funcionamento, como fixeron as centradas nun rescate na auga con vehículo acuático eléctrico, un posto de mando avanzado para coordinar os servizos públicos, privados e sanitarios en eventos ou as de distintos drons. Tamén houbo simuladores, o de condución de ambulancias en realidade virtual ou o de prácticas extremas en alto estrés en tiro simulado. Ademais, na feira estivo todos os días un roadshow orientado a ofrecer capacitación a todos os cidadáns en material de ciberseguridade a través de diversas actividades e espazos, como unha zona de gamificación, charlas, talleres, un scape room ou unha área de xogos.
Respecto aos simulacros, o primeiro día tivo lugar unha vistosa recreación da extinción dun incendio con ataque combinado de medios aéreos e terrestres para a defensa dunha vivenda illada e manobras de autoprotección, organizado pola Xunta de Galicia.
Secuestro e busca con drons, hoxe nos simulacros
Estes simulacros continuaron esta mañá con dúas interesantes propostas. A primeira delas estivo protagonizada pola Garda Civil e consistiu nunha intervención ante un secuestro con arma branca coa participación de distintos medios, entre eles un helicóptero. A segunda foi un exercicio sobre futuras capacidades da unidade operativa de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA) na procura de persoas desaparecidas.