Exposición dinámica, un dos sinais de identidade de SEDEXPO 2022 con multitude de demostracións e simulacros

  • ESTA I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELEBRARASE DO 17 AO 19 DE NOVEMBRO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • EMPRESAS, COLECTIVOS E AS FORZAS E CORPOS DE SEGURIDADE DO ESTADO ORGANIZARÁN ESTAS EXHIBICIÓNS DURANTE O CERTAME

Silleda, 15 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, a cal terá lugar do 17 ao 19 de novembro no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, nace con dous importantes sinais de identidade, o seu completo programa de conferencias e a súa exposición dinámica, a cal permite mostrar e ver en funcionamento aquilo que noutras feiras se ve dunha forma moito máis estática.

En canto a este último elemento diferenciador de Sedexpo 2022, contará con ducias de exhibicións e simulacros que terán lugar tanto en diversos espazos interiores e exteriores como no lago artificial do recinto.

Así, realizaranse demostracións, entre outras, de sistemas de extinción de incendios, equipos de excarceración, salvavidas portátiles, drons de seguridade e salvamento, drons en vixilancia, misións de salvamento ou rescate acuático, dun sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron a calquera parte do mundo vía LTE ou dun prototipo de dron armado en desenvolvemento para as Forzas Armadas.

Tamén distintos Corpos e Forzas de Seguridade do Estado realizarán espectaculares simulacros. O Corpo da Garda Civil protagonizará un de atentado a un VIP (Very Important Person) en convoi de seguridade, no que participarán unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, a unidade de drons e antidrons Pegaso, a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia), técnicos en desactivación de explosivos e dispositivos NRBQ (nuclear, radiolóxico, biolóxico e químico), especialistas do Grupo Cinolóxico cos seus cans, Unidade de Helicópteros e o seu Grupo de Cabalería. Pola súa banda, a Policía Autonómica simulará unha intervención subacuática de procura realizada por mergulladores e dron submarino.

Estas actividades terán lugar en distintos momentos da celebración do certame, o cal terá un horario de 10.00h a 19.00 horas durante o xoves 17 e o venres 18 de novembro e de 10.00h a 17.00h o sábado 19.