O programa de SEDEXPO volveu mostrar hoxe a actualidade en seguridade, defensa e emerxencias a través dun centenar de expertos

  • A ÁREA EXPOSITIVA DO CERTAME TAMÉN ACOLLEU NESTA XORNADA NUMEROSOS CONTACTOS PROFESIONAIS
  • ESTA I FEIRA INTERNACIONAL DE SEGURIDADE, DEFENSA E EMERXENCIAS CELÉBRASE ATA MAÑÁ NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA

Silleda, 18 de novembro de 2022.- A I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, SEDEXPO 2022, a cal se celebra ata mañá no recinto Feira Internacional de Galicia ABANCA, volveu conformar hoxe un atractivo punto de encontro no que entidades, empresas e profesionais puideron explorar oportunidades de colaboración, intercambiar experiencias, xerar negocio e coñecer novidades.

Os contactos profesionais foron moi numerosos ao longo do día na área expositiva do certame, á vez que o seu programa de actividades conformou unha interesante ferramenta de coñecemento tanto para os propios expositores como para os visitantes profesionais.

Así, ademais da importante actividade nos stands, o programa da feira acolleu hoxe de novo un gran número de propostas, nas cales máis dun centenar de expertos en seguridade, defensa e emerxencias mostraron a actualidade do sector realizando demostracións e impartindo conferencias e talleres.

O Congreso Internacional de Incendios Forestais Interlumes, celebrou hoxe no marco da feira a súa segunda xornada, sendo clausurado polo Conselleiro do Medio Rural, José González. A normativa da seguridade privada, industria de defensa, ciberseguridade e amenzas híbridas, os drons que veñen, a seguridade en contorna portuaria, intelixencia e ciberintelixencia empresarial ou corporativa, ciberseguridade, a plataforma intelixente de supervisión de emerxencias para a frota pesqueira de Galicia ou a transformación dixital e os medios aéreos na Policía Nacional foron algúns dos temas abordados na conferencias de hoxe.

En canto ás demostracións e talleres, centráronse en sistemas de extinción de incendios, soporte vital básico, xestión do estrés en situacións de crise e emerxencias, equipos de excarceración, salvavidas portátiles, drons de seguridade e salvamento, un sistema que permite unha transmisión encriptada da información recollida por un dron a calquera parte do mundo vía LTE ou no dron D-Gun e dron de disuasión.

Mañá, espectaculares simulacros

Ademais de crear oportunidades económicas para os sectores implicados na feira e poñer en valor o labor dos profesionais que traballan nestes ámbitos imprescindibles para o benestar e a protección social, Sedexpo pretende tamén fomentar a cultura de seguridade e defensa no cidadán e achegar ao público o mundo das emerxencias.

Por iso, mañá a feira tamén estará aberta ao público xeral, o cal non soamente poderá participar en demostracións, conferencias e talleres, senón que tamén poderá ver espectaculares simulacros.

Así, a Garda Civil simulará un atentado a un VIP (Very Important Person) en convoi de seguridade, con participación de unidades como o GRS (Grupo de Reserva e Seguridade), a Agrupación de Tráfico, a unidade de drons e antidrones Pegaso, a USECIC (Unidade de Seguridade Cidadá de Comandancia), técnicos en desactivación de explosivos e dispositivos NRBQ (nuclear, radiolóxico, biolóxico e químico), especialistas do Grupo Cinológico cos seus cans, Unidade de Helicópteros e o seu Grupo de Cabalería. Pola súa banda, a Policía Autonómica levará a cabo no lago do recinto unha intervención subacuática de procura realizada por mergulladores e dron submarino.

Mañá, o horario desta I Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias, será de 10.00h a 17.00h.