O Clúster de Defensa incorpórase ao Comité Organizador de SEDEXPO 2022

  • ESTA CITA, A PRIMEIRA A NIVEL NACIONAL QUE REUNIRÁ DE FORMA DESTACADA AOS ÁMBITOS DE SEGUIDAD, DEFENSA E EMERXENCIAS, CELEBRARASE DO 17 Ao 19 DE NOVEMBRO NO RECINTO FEIRA INTERNACIONAL DE GALICIA ABANCA
  • ADEMAIS DE CREAR UN INTERESANTE ESCAPARATE DA SÚA INDUSTRIA E ENTIDADES DE REFERENCIA, INCLUIRÁ UN COMPLETO E ATRACTIVO PROGRAMA DE ACTIVIDADES

A Feira Internacional de Seguridade, Defensa e Emerxencias (SEDEXPO) avanza na organización da súa primeira edición, que se celebrará do 17 ao 19 de novembro de 2022 no recinto da Feira Internacional de Galicia ABANCA.

Unha proposta á que xa comezaron a sumarse empresas líderes deses sectores e que agora potencia o seu panel de colaboradores coa incorporación ao seu Comité Organizador do Clúster da Industria de Defensa (CID). Esta organización agrupa a preto de 60 empresas, centros de investigación e coñecemento e entidades públicas e privadas de toda España. Con distintos grupos de traballo conformados, algúns moi especializados e outros máis transversais e con desenvolvementos de proxectos en I+D+i, o CID contribúe a fortalecer e impulsar a base tecnolóxica e industrial ao servizo da Defensa de España e desenvolve tamén unha actividade moi intensa no ámbito da Cultura de Defensa.

Como membro do Comité Organizador de SEDEXPO 2022, o Clúster de Defensa contribuirá a poñer en valor a unha industria que é vital para a economía e a sociedade e cuxo carácter estratéxico xera un importante retorno en forma de riqueza, emprego cualificado e innovación tecnolóxica de aplicación dual (civil e militar). Alíñase ademais co espírito e o obxectivo de SEDEXPO 2022 de fomentar a cultura de seguridade e defensa no cidadán, un dos puntos estratéxicos sobre os que xira este certame.

A implicación do CID en SEDEXPO 2022 será esencial para crear un gran escaparate da industria española do sector defensa, ao que se unirá un completo programa de actividades con xornadas técnicas de primeiro nivel, exhibicións, simulacros, talleres formativos ou entrega de distincións.

Un recinto con gran versatilidade

SEDEXPO 2022 celebrarase nas instalacións da Feira Internacional de Galicia ABANCA, na localidade de Silleda; un recinto de 400.000 metros cadrados de superficie, con múltiples pavillóns, 55.000 metros cadrados de espazos exteriores para demostracións dinámicas, un lago artificial, un heliporto, ring con bancadas cubertas e auditorio para 624 persoas.